GeeksPhone prepara o seu segundo móbil con Android
luns, 7 de marzo do 2011
Que unha empresa
española ousase desenvolver un móbil co sistema operativo Android con éxito, o
GeeksPhone One, parecía unha tolería, pero os seus responsables parecen saber o
que se fan, pois nos vindeiros días van comezar a vender o seu sucesor, o GeeksPhone Zero, que actualiza moitas
das súas prestacións manténdose coma terminal de gama media que poderá
reservarse por 189 euros (cun desconto
de 10 euros o primeiro mes ou de 20 euros de presentarse o IMEI do modelo
anterior).
O
novo móbil con Android 2.3 sorprende por incluír unha versión desta ROM
elaborada por Cyanogen (responsable das ROM de Android alternativas de máis
sona), mentres que o seu hardware parece bastante contido, xa que conta cunha
pantalla capacitiva de 3,2 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles,
procesador Qualcomm MSM7227-2 a 600 MHz, 256 Mb de RAM, 512 Mb de ROM, cámara de
5 Mpíxeles con enfoque automático, aGPS, compás dixital, acelerómetro, radio
FM, lector de tarxetas de memoria microSD, batería de 1.150 mAh, unhas
dimensións de 105 x 58 x 13 milímetros e un peso de 119 gramos.
Dende GeeksPhone tamén poderían estar a desenvolver o GeeksPhone Two, un móbil
que contaría cunha pantalla de 4 polgadas e unhas prestacións propias dos
terminais máis populares do mercado (mentres que actualmente limítanse a
competir con dispositivos coma o HTC Wildfire, na gama máis económica deste
tipo de terminais). Tamén poderían sorprendernos con algún tablet no futuro.