General Electric pon á venda lámpadas LED conectadas a un prezo asumible

martes, 1 de xullo do 2014 Marcus Fernández

As lámpadas conectadas, que poden controlarse mediante sistemas de domótica ou mesmo dende dispositivos móbiles, teñen habitualmente uns prezos bastante elevados, e para animar aos consumidores a comezar a empregar este tipo de tecnoloxía General Electric (GE) comezou a vender a través de Home Depot as que poderiamos considerar as primeiras lámpadas deste tipo a un prezo asumible, xa que as GE Link parten dun prezo de 14,97 dólares (10,94 euros) para a súa lámpada LED máis básica (equivalente a unha lámpada incandescente de 60W) até os 24,97 dólares (18,25 euros) para o modelo máis potente (equivalente a unha lámpada incandescente de 90W), sendo posible tamén facerse cun par de lámpadas básicas e o seu controlador por só 49,97 dólares (36,51 euros).
Esta solución foi desenvolvida por GE, e consiste en agochar no interior das lámpadas LED un chip que pode conectarse á Rede sen fíos, para poder controlalas a través dunha aplicación móbil chamada Wink, que non só permite acender e apagar lámpadas a distancia, senón que tamén facilita a súa programación, de xeito que podemos facer que empreguemos a iluminación do fogar a xeito de espertador, ou que podamos simular que estamos na casa cando imos de vacacións.
Para que estas lámpadas poidan conectarse en rede precisan da axuda dun controlador que está á venda por 29,97 dólares (21,9 euros) que fai de ponte para a comunicación e permite que poidamos xestionar cada lámpada de xeito independente ou en grupo.

PUBLICIDADE