Gigaset presenta a primeira xeración dos seus dispositivos intelixentes

mércores, 2 de setembro do 2015 Redacción

A compañía xermana Gigaset, centrada en produtos de telefonía e herdeira da bagaxe de Siemens, anunciou estes días a chegada ao mercado da súa liña propia de dispositivos intelixentes, unha liña que tira proveito da experiencia da devandita Siemens (e que supón o seu mantemento). A presentación dos smartphones de seu coincidiu coa celebración da feira IFA de Berlín e nela déronse a coñecer tres modelos concretos, Gigaset Me Pure, Gigaset Me e Gigaset Me Pro. A serie Gigaset Me, en palabras da compañía, salienta por xuntar a tecnoloxía de última xeración “coa dilatada experiencia da empresa en materia desenvolvemento e electrónica de consumo”.
Segundo fixo saber na feira Charles Fränkl, director executivo de Gigaset, “puidemos contar coa infraestrutura e os mellores equipo, ideas e tecnoloxía para que este proxecto sexa un éxito duradeiro neste mercado competitivo”.
De feito, engadiu, cada un destes “premium smartphones” foi fabricado en base ás demandas de calidade, deseño e estilo de vida dos usuarios máis activos e actualizados, amais de incorporar “a calidade e os valores propios da enxeñaría alemá”. Entre outras cousas, incorporan cámaras de alta resolución de entre 13 e 20 megapíxeles (con lentes de gran angular e un bo número de prestacións que permiten realizar fotos de gran calidade), deseño de cristal (marca Gorilla) e aceiro inoxidábel que protexe ao aparello do po e máis da humidade, pantalla de cinco polgadas Full HD (que soben ás 5,5 no modelo Pro), son HD de gama alta e procesadores de oito núcleos de 64 bits Snapdragon 810 (modelos Me e Me Pro) e Snapdragon 615 (modelo Me Pure). Ademais, inclúen a versión 5.1.1 de Android e 3 GB de memoria DDR4 e 32 GB de memoria interna (que no caso do Me Pure sitúase en 16).
Todos os dispositivos estarán dispoñíbeis para a súa comercialización en Europa e China no outono de 2015. Os prezos recomendados serán de 349 para o modelo básico Me Pure, 469 euros para Gigaset Me e 549 para o modelo Premium Me Pro.

PUBLICIDADE