Giroptic iO, a cámara que leva os directos en 360 graos ao iPhone
martes, 13 de decembro do 2016
Coa estrea
do vídeo en directo en 360 graos por parte de Facebook queda a dúbida do
tipo de solucións tecnolóxicas que facilitarán facer tal con certa facilidade,
dando a impresión de que as cámaras como a Insta360
Air, da que falamos hai uns días, van tomar
unha relevancia especial, e esta oportunidade pretende aproveitala Giroptic coa súa cámara iO,
que é unha solución relativamente económica para realizar vídeo en directo en
360 graos dende trebellos con iOS, que xa acepta
pedidos por 249 euros e comezará a remitirse aos seus compradores a
mediados do mes de xaneiro.
A compañía detrás desta nova cámara xa trunfara en Kickstarter
coa súa 360cam parece acumular experiencia dabondo para ofrecer garantías
que outros fabricantes aínda non dan (por ser novatos neste eido) e o bo do
novo produto é permitir empregar un iPhone con conector lightning para conectar
a cámara con dobre lente para comezar a disparar fotografías en 360 graos,
vídeos envolventes e incluso realizar directos, sen ter que contar cun
ordenador para intermediar no proceso, facendo que os directos en 360 graos
poidan realizarse en case calquera momento e lugar, tendo xa confirmada a
compatibilidade cos directos de YouTube (espérase que a compatibilidade con
Facebook chegue nos vindeiros meses).
Tecnicamente trátase dun accesorio de 73 x 35 milímetros e 70 gramos de peso
que integra 2 obxectivos de 195 graos e apertura f/1.8 que permiten captar unha
imaxe completa en todos os ángulos cunha resolución de 3.840 x 1.920 píxeles
para imaxes estáticas e 1.920 x 960 píxeles para vídeo, que ao empregar
tecnoloxía de cosido en tempo real permite que poida compartirse o contido
xerado nas redes sociais ao momento. Aínda que se conecte ao iPhone por
lightning, tamén conta cun porto USB para cargar a súa batería de 915 mAh.
Estamos ante unha solución que dista bastante de ter unha calidade óptima, pero
que podería ter bastante peso á hora de popularizar os contidos en 360 graos
durante 2017.