Google anuncia novas cámaras que gravan en formato VR180

martes, 9 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán YouTube estreou un formato de vídeo en 180 graos chamado VR180, que lembra aos vídeos de 360 graos ao permitir que o usuario poida mudar o seu punto de vista, pero coa grande diferenza de que non recolle o que acontece detrás da cámara, adaptándose mellor aos formatos de vídeo máis tradicionais.
Dende YouTube xa adiantaran que chegaran a acordos con varios fabricantes para lanzar ao mercado dispositivos que faciliten a gravación en VR180, e finalmente presentan 2 cámaras compactas que gravan en 180 graos en formato estereoscópico (o que vulgarmente chamamos como 3D) e que sairán á venda no segundo trimestre do ano.
A Lenovo Mirage Camera é un destes novos produtos, que na forma dunha cámara compacta tradicional permite captar vídeo en formato VR180 grazas a un par de cámaras de ollo de peixe de 13 Mpíxeles, con seguindo un ángulo de visión de 180 x 180 graos. A cámara ten moitas posibilidades, xa que permite disparar fotografías, gravar vídeo e tamén emitir vídeo envolvente en directo, podendo emparellarse co teléfono para empregar a súa pantalla como visor. Só pesará 139 gramos e o seu tamaño é moi semellante ao dun smartphone, polo que o seu transporte será doado.
Esta cámara que integra a plataforma Qualcomm Snapdragon 626, 2 GB de RAM, Wi-Fi, LTE, USB-C e batería extraíble (coa que é capaz de operar até 2 horas seguidas) destaca porque para a realización dos directos a través de YouTube non precisará dun smartphone, xa que poderá empregar directamente unha conexión Wi-Fi, facilitando así compartir en vivo grandes momentos sen ter que realizar complexos procedementos.
Na mesma liña está a Yi Horizon VR180 Camera, que tamén integra dous obxectivos de ollo de peixe para poder captar vídeo en formato VR180, destacando por soportar unha resolución de 5,7K (a 30 imaxes por segundo), aínda que as retransmisións en directo limitaranse a 4K (contando tamén con Wi-Fi e unha aplicación móbil que permite a súa xestión). Na súa parte traseira conta cunha pantalla táctil de 2,2 polgadas que pode abaterse para facilitar os selfies, as fotografías de grupo e as realizacións de emisións en directo.
Cómpre lembrar que estas non son as únicas cámaras do mercado certificadas por Google para gravar vídeo en formato VR180, xa que hai outros modelos como a Z CAM K1 Pro, á que en nos vindeiros meses uniranse moitas outras. Tamén Panasonic está a preparar un accesorio para a súa Lumix GH5 que permitiralle crear contidos en formato VR180.

PUBLICIDADE