Google podería renovar o Chromecast a semana que vén

luns, 1 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Anticipándose á súa presentación por parte de Google, un usuario de Reddit publicou unha fotografía que correspondería a un Chromecast de terceira xeración, que tería adquirido nunha tenda de Best Buy, compañía que tería levado o produto accidentalmente aos estantes (como ten acontecido en moitas outras ocasións). Ao parecer, a data de lanzamento do produto estaría fixada para o 9 de outubro e venderíase ao mesmo prezo que o Chromecast de segunda xeración.
Polo momento sabemos pouco deste produto, pero confíase en que a actualización do Chromecast incorpore conectividade Bluetooth e mellore a recepción de Wi-Fi, e externamente pode apreciarse un cambio moi visible: pásase dun acabado brillante a un acabado mate. Tamén diría adeus ao logotipo de Chrome para presentar unha sutil icona dun G.
A persoa que puido facerse con este produto en primicia asegura que non puido tirar proveito do mesmo por non contar cunha aplicación que permita a súa configuración (ou sexa, que a aplicación de Google Home actual precisa dunha actualización que posiblemente non chegará até a semana que vén).

PUBLICIDADE