Google pon á venda chaves físicas para protexer as nosas contas en liña
xoves, 30 de agosto do 2018
Hai pouco máis dun mes Google insistía no feito de que para que
as empresas poidan manter unha maior seguridade na Rede é
convinte empregar chaves de seguridade como a Titan Security Key, que conta
cun firmware desenvolvido por Google, e que segundo a compañía de Mountain View
reduciu os casos de phishing entre os
seus traballadores a 0.
Para facer máis accesible esta tecnoloxía de verificación en dous pasos para
protexer as nosas contas en liña veñen de pór
á venda por 50 dólares na súa tenda en liña estadounidense un lote con dúas Titan
Security Key: unha cun porto USB-A e outra con conectividade Bluetooth.
Esta última estaría pensada para poder empregar esta tecnoloxía en dispositivos
móbiles.
Estas chaves de seguridade físicas funcionan con principais navegadores web e
en aplicacións que soportan os estándares FIDO (como Gmail, Facebook, Twitter,
Dropbox...). Nas contas podemos activar a verificación en dous pasos, e de
termos engadido a chave ás nosas contas, en vez de remitirse un e-mail ou unha
mensaxe de texto ao móbil como xeito de verificar a nosa identidade tras
introducir o noso contrasinal, pedirásenos conectar a chave física ao noso dispositivo
en uso, o que supón unha medida de seguridade bastante máis rigorosa.
Aínda que para a meirande parte de usuarios este tipo de precaución pode parecer
excesiva, dentro da empresa ou para usuarios de certo risco (p.ex., por ter cargos
de responsabilidade ou ser celebridades) o emprego dunha chave física dificulta
extraordinariamente a súa suplantación.
Estas chaves físicas de Google véndense polo momento só nos EE.UU., pero a
intención da compañía é levalas ao resto do mundo en breve.