Google presenta o seu tablet con pantalla de 7 polgadas e Android 4.1

mércores, 27 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O evento Google I/O deste ano está a recoller numerosas novidades da compañía de Mountain View, como unha nova versión de Android, a tecnoloxía Google Glass e, moi especialmente, o Nexus 7, un novo tablet de Google que conta cunha resistente pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, que non se queixará de potencia por estar alimentado por un procesador de 4+1 núcleos nVIDIA Tegra 3 (cunha gráfica de 12 núcleos) que funcionará co novo Android 4.1 e presume dunha autonomía de 8 horas reproducindo vídeo en alta definición ou 10 horas navegando pola web ou lendo contidos.
Entre as vantaxes deste dispositivo está a súa boa integración con Google Play, abrindo o acceso a unha grande colección de libros electrónicos, películas, series de televisión, aplicacións, revistas e música, destacando este último apartado polo feito de que os usuarios poderán subir á nube ata 20.000 cancións da súa colección actual de balde, para así poder reproducilas dende os seus dispositivos conectados.

JPEG - 49.1 KB
O agresivo prezo do Nexus 7 revolucionará o sector

O novo tablet tamén conta cunha cámara frontal de 1,2 Mpíxeles pensando no uso da videoconferencia (Hangouts de Google+), ten 1 Gb de RAM e un almacenamento interno de 8 ou 16 Gb, conectividade Wi-Fi N, Bluetooth e micro USB, tecnoloxía NFC, GPS, acelerómetro, xiroscopio, magnetómetro... e todo iso en só 198,5 x 120 x 10,45 milímetros e un peso de 340 gramos, que sumado ao feito de que nos EE.UU. sae á venda por 199 dólares (a través de Google Play) o converten nun produto sen competencia, que vai pór nun apuro aos fabricantes de tablets con Android de baixo custo, que parecían moi cómodos no contorno dos 200 euros, o que resulta caro agora que os comparamos cun tablet considerablemente superior.
O prezo indicado correspondería ao modelo de 8 Gb de capacidade, mentres que o de 16 Gb custaría 50 dólares máis, e ambos estarían dispoñibles no mercado norteamericano dentro de 2 ou 3 semanas.


Vídeo de presentación do Nexus 7 de Google

PUBLICIDADE