Google presenta os seus novos dispositivos con Android

martes, 29 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe era o día no que a Google tocáballe presentar os seus novos smartphones da familia Nexus, pero non quixo que os produtos chegase sos, e aproveitou a ocasión para renovar o seu Chromecast e presentar un novo dispositivo Pixel, enriquecendo así o seu catálogo de dispositivos a tempo para a campaña de Nadal.

Novos smartphones con Android 6.0

O Nexus 6P é o primeiro Nexus con corpo totalmente metálico (de aluminio anodizado de grao aeronáutico)

Os novos smartphones que chegan para achegar ao mundo Android 6.0 Mashmallow chegan en dous tamaños diferentes, adaptándose así a un maior público, comezando por un sucesor do Nexus 6, dispositivo que non conseguiu callar no mercado polo seu elevado tamaño, e que agora pásalle o relevo ao Nexus 6P, o primeiro Nexus de corpo totalmente metálico (utiliza aluminio de grao aeronáutico) que foi fabricado por Huawei (demostrando a confianza de Google nos fabricantes chineses que tanto están a facer por Android) e que agora conta cunha pantalla AMOLED de 5,7 polgadas (cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles e Corning Gorilla Glass 4), procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 64 bits, cámara de 12,3 Mpíxeles e batería de 3.450 mAh con carga rápida por USB-C.
Este potente teléfono chega con 3 GB de RAM (LPDDR4) e 32/64/128 GB de almacenamento interno, a súa cámara frontal é de 8 Mpíxeles, conta con sensor de pegadas dixitais, está equipado con 3 micrófonos con cancelación de ruído e altofalantes frontais estéreo, ten conectividade LTE de categoría 6, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2 e NFC, o seu grosor é de só 7,3 milímetros e pesa 178 gramos. Todo un xigante que sairá á venda a un prezo que partirá dos 649 euros.

Vídeo promocional do Nexus 6P
Dado que este dispositivo é demasiado grande para a meirande parte de usuario, Google decidiu retomar a liña marcada polo seu moi ben recibido Nexus 5, e presentou o Nexus 5X, de novo fabricado por LG, e que chega cunha pantalla de 5,2 polgadas, cámara de 12,3 Mpíxeles e porto USB-C, conseguindo certa equiparación co seu irmán maior (aínda que apostando por unha carcasa de policarbonato), pero cun prezo de partida de 479 euros que o fai máis asumible, aínda que se afasta moito do que esperaban os actuais usuarios do Nexus 5 (que no seu día saíu á venda a un prezo de 349/399 euros nos seus modelos con 16/32 GB de almacenamento interno).
Este novo teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 808 de 6 núcleos a 1,8 GHz, ten 2 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD, cámaras de 12,3 e 5 Mpíxeles, LTE, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, lector de pegadas dixitais, batería de 2.700 mAh recargable mediante USB-C, un grosor de 7,9 milímetros e un peso de 136 gramos, que sería así un produto moito máis modesto que o seu irmán maior, pero buscando coller o relevo do anterior Nexus 5.
Un dos detalles que menos está a gustar destes novos teléfonos dende España é a súa política de prezos, xa que, mentres en EE.UU. o Nexus 5X de 16 GB véndese a 379 dólares + impostos, aquí custaría 479 euros, e no caso do Nexus 6P de 32 GB o prezo anunciado nos EE.UU. sería de 499 dólares, o que aquí traduciríase en 649 euros. Estamos así ante unha diferenza de prezo entre EE.UU. e España moi superior ao habitual e que incluso sería máis pronunciada que a que teremos cos novos iPhone (pois sería igual en número absolutos, pero ao ser terminais máis caros en números absolutos os prezos de Google parecen abusivos).
Actualmente os novos teléfonos só poden mercarse en liña en EE.UU., Reino Unido, Irlanda e Xapón, chegando en breve o resto de mercados onde Google ten a súa tenda web de dispositivos.

Vídeo promocional do Nexus 5X

Pixel C

O Chromebook Pixel é un curioso portátil de Google que agora ten un irmán cun formato semellante á tableta Surface de Microsoft, que presentan como a primeira tableta Android creada totlamente por Google, a Pixel C, que contaría como accesorio cun teclado de tamaño completo coa portabilidade dunha tableta, que fai uso do porto USB-C que caracteriza os novos dispositivos de Google e que pretende saír á venda antes de rematar o ano.
Estariamos ante unha tableta con pantalla de 10,2 polgadas, cun procesador nVIDIA Tegra X1, 3 GB de RAM e 32/64 GB de almacenamento interno, que venderíase a un prezo de 499/599 dólares aos que habería que engadir 149 dólares polo seu teclado. Un dispositivo que claramente persegue as novas tendencias do mercado, pero que posiblemente se descabalgue do mesmo polo seu prezo pouco competitivo.

O Chromecast evoluciona

Para achegar contidos da Rede ao televisor goza de grande popularidade do Chromecast, que hoxe non só se renova adoptando os novos estándares de Wi-Fi para un mellor funcionamento á hora de reproducir vídeo en liña, senón que tamén chega agora en varias cores e estrea unha versión chamada Chromecast Audio que, en vez de estar orientada a pantallas con entrada HDMI, utiliza como saída un mini-jack para a conexión duns altofalantes, de xeito que poderase empregar para recibir música, emisoras de radio, podcast e incluso aplicacións como Spotify. En ambos casos o funcionamento do dispositivo contrólase a través de dispositivos con Android ou iOS, así como dende ordenadores portátiles co navegador web Chrome.
O novo Chromecast podemos mercalo por 39 euros, está dispoñible con carcasa de cor negra, limón ou coral, ten un tamaño redondo cun diámetro de 51,9 milímetros e un alto de 13,49 milímetros, pesa 39,1 gramos e para conectarse á Rede emprega Wi-Fi AC de dobre banda.
O Chromecast normal xa conta con stock por parte da Google Store, mentres que no caso do Chromecast Audio espérase contar con unidades dispoñibles o vindeiro 12 de outubro (sendo posible xa encargar o dispositivo).

Vídeo promocional dos novos Chromecast

PUBLICIDADE