Google presenta un Chromecast máis potente orientado á domótica
martes, 6 de agosto do 2024
No ano 2020 Google revolucionou a súa liña de receptores de vídeo en streaming Chromecast cunha versión que integraba Google TV, funcionando de xeito autónomo e podendo controlarse mediante un mando dedicado, converténdose nunha das opcións favoritas dos usuarios á hora de quere dotar un televisor de funcionalidades de Smart TV.
Para chegar a un público máis amplo, en 2022 diversificaron a familia de Chromecast con Google TV estreando unha versión económica que, en vez de ter resolución 4K, limítase a Full HD.
Agora queren ir un paso máis aló e anuncian que o 24 de setembro lanzarán o novo Google TV Streamer, produto que nos EE.UU. terá un prezo de 99,99 dólares, e que supón un importante salto ao adoptar un formato de maior tamaño, converténdose nun reprodutor de contidos a través da Rede, capaz de correr aplicacións de Google TV, que incluso pode tirar proveito de Gemini (a IA de Google) para achegar resumos e outros contidos.
Este novo reprodutor destaca por contar cun procesador mellorado, o dobre de memoria RAM e un almacenamento de 32 GB, superando unha das grandes limitacións dos Chromecast con Google TV actuais: a capacidade de almacenar numerosas aplicacións sen quedar sen espazo de disco.
O Google TV Streamer tamén é compatible co estándar domótico Matter (actuando como concentrador doméstico), e inclúe un mando a distancia redeseñado lixeiramente para ser máis cómodo (cun deseño que fai máis doado localizar o control de volume ao tacto), e incluíndo unha vez máis micrófono para o control mediante voz.
Con este cambio de formato o Google TV Streamer xa non será un trebello pendurado dun porto HDMI do televisor, senón que será un dispositivo a colocar sobre a propia mesa do televisor. O novo dispositivo inclúe unha saída HDMI coa que conectarse ao televisor (cómpre salientar que non inclúe este imprescindible cable), pero tamén outro porto moi importante: unha conexión Ethernet. Deste xeito, aparte da Wi-Fi, será posible conectalo á Rede mediante cable, evitando así cortes no caso de fogares nos que a conectividade sen fíos non sexa boa.
Estamos ante unha evolución do Chromecast que os usuarios máis intensivos agradecerán, pero que pode non agradar tanto polo seu prezo, xa que custa o dobre que o modelo 4K do reprodutor actual, e as melloras que inclúe non resultan relevantes para boa parte dos consumidores, de xeito que haberá quen continúe preferindo os modelos actuais, aínda que está claro que as maiores capacidades deste novo produto son unha garantía de cara á súa lonxevidade.
Vídeo promocional do Google TV Streamer