Google presenta un dispositivo para facilitar a reprodución de música e vídeo da Internet no televisor

mércores, 24 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Que durante a presentación de Google desta tarde amosasen o novo Nexus 7 non foi ningunha sorpresa (horas antes desveláranse practicamente todos os detalles sobre o dispositivo) pero na recta final do evento deron a coñecer un trebello do que non sabiamos nada, o Chromecast, que vai na liña deses pequenos dispositivos en formato HDMI con Android que atopan así un xeito de levar a Internet ao televisor, pero que desta volta opta polo sistema operativo Chrome OS, o que achega unha experiencia totalmente distinta e un prezo moi agresivo (35 dólares) que pode ser a chave do seu éxito (e facer posible que poida instalarse en todos os televisores dun domicilio e non só no televisor do salón).
O Chromecast pode conectarse ao televisor nun porto HDMI libre e alimentarse a través de USB. Conéctase á Rede a través de Wi-Fi N, mide 72 x 35 x 12 milímetros, pesa 34 gramos e amosa contidos Full HD que poden vir dende distintas fontes controlables dende o smartphone, o tablet (ambos con iOS ou Android) ou o ordenador (que teña o navegador Chrome).
A idea deste dispositivo é que poidamos compartir a través da pantalla do televisor os vídeos que atopemos en YouTube cando esteamos no móbil (ou noutros dispositivos), experiencia que tamén permitirán aplicacións de vídeo baixo demanda como Netflix (Google publicou un kit de desenvolvemento para que os programadores poidan adaptar as súas aplicacións para permitir esta nova funcionalidade), o que facilita o consumo de contidos de xeito colectivo, á vez que tamén é un xeito cómodo de reprodución multimedia (empregando o móbil ou o tablet como se fose un mando a distancia e permitindo incluso o control dende varios sistemas operativos á vez).

O Chromecast conéctase ao televisor por HDMI, converténdose nun accesorio case invisible para o usuario

Aínda que esta funcionalidade está pensada principalmente para reproducir vídeo, tamén pode aplicarse á música e, moi especialmente, ao propio navegador web Google Chrome, o que facilitaría facer mirroring dos seus contidos na pantalla grande, sen replicar a súa interface de uso, ou sexa, que serían os contidos da web os que se verían no televisor (e non unha copia do escritorio informático), resultando práctico para amosar galerías fotográficas, reproducir vídeos de plataformas distintas a YouTube ou presentar páxinas web a un grande tamaño.
Temos, en definitiva, un interesante accesorio que promete chegar a España dentro de poucas semanas, que fai doado levar contidos ao televisor dende numerosos dispositivos (sempre que teñan Google Chrome) e sen realizar un elevado investimento, agardando dende Google que esta tecnoloxía non quede no Chromecast, senón que chegue a integrarse en produtos dous seus partners, polo que podería resultar interesante que televisores ou reprodutores de Blu-ray optasen por incorporar esta tecnoloxía ao igual que están a abrirse a aplicacións de cadansúa plataforma de Smart TV.

O Chromecast facilitará o control e a reprodución de contidos de Netflix no televisor


Vídeo promocional do Chromecast

PUBLICIDADE