Gradiant e a Xunta anuncian máis traballo conxunto a prol da transformación das empresas galegas

martes, 25 de xaneiro do 2022 S. P.

A Xunta e o Centro Tecnolóxico Gradiant reforzarán a súa colaboración a prol dun sector empresarial galego que afronta, máis ca nunca, o reto da transformación tecnolóxica. Así o deron a coñecer o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire, e máis o conselleiro de Economía, Francisco Conde, na reunión do Consello Consultivo do centro tecnolóxico e máis na inauguración das novas instalacións de Gradiant en Vigo, ambos eventos celebrados este martes 25 de xaneiro. Segundo confirmaron, as instalacións presentadas hoxe funcionarán como centro de ensaios e probas da tecnoloxía 5G en Galicia.
O vicepresidente económico felicitou ao centro tecnolóxico polo seu labor, sinalando que “2021 foi un ano de récord, con seis millóns de euros en proxectos de I+D+i concibidos e desenvolvidos en Galicia; un crecemento do 15% en facturación; un incremento do 50,2% na venda de patentes e licenzas; e un 71% máis de proxectos directamente encargados por empresas”.
Desde os seus inicios, foron xa máis de 200 empresas galegas, especialmente pemes e no ámbito das TIC, as que se beneficiaron dos servizos de Gradiant, con máis de 340 proxectos que desenvolveu xunto con empresas e organismos de 30 países.
“Só o ano pasado, Gradiant achegou os seus desenvolvementos a 70 compañías”, lembrou o conselleiro, facendo balance da actividade xerada polo centro tecnolóxico.
Conde fixo fincapé no apoio da Xunta de Galicia para seguir na mesma liña, apostando “pola especialización” e “tratando de incrementar o impacto das investigacións e desenvolvementos tecnolóxicos no tecido produtivo”.
O responsábel de Economía agradeceu a Gradiant a súa implicación e participación en proxectos clave na Galicia do 2030, como a elaboración da nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), a folla de ruta para unha innovación transversal e sustentábel na nosa terra; nos hubs de innovación dixital, que a Xunta busca converter en xanelas de acceso a tecnoloxías punteiras necesarias para a transformación dixital das pemes; e no Polo Aeroespacial de Galicia, xunto a grandes empresas do sector para permitir o desenvolvemento dos vehículos aéreos non tripulados.

PUBLICIDADE