Gramofon proxéctase como unha gramola baseada na nube

martes, 15 de abril do 2014 Marcus Fernández

Hoxe estréase en Kickstarter un proxecto de Martín Varsavsky e a súa compañía Fon, que está a desenvolvese dende os Fon Labs de Bilbao e que quere converter nunha realidade o Gramofon, que é un trebello que opera como unha Fonera (router que facilita compartir a nosa conexións á Internet con usuarios de Fon e incluso cos nosos amigos de Facebook, que non precisarán de coñecer o contrasinal da nosa rede Wi-Fi para poder conectarse á Internet a través da mesma) á vez que aproveita a conexión á Rede para achegar contidos musicais da rede a altofalantes que lle conectemos, o que sirve para escoitar música de xeito social (ata 20 persoas poden conectarse ao Gramofon coas súas contas de Facebook para pinchar a súa música de xeito simultáneo) no que definen como unha gramola na nube.
O Gramofon pode conectarse á Rede por Wi-Fi ou Ethernet, é compatible con dispositivos Android e iOS (espérase contar con aplicacións para Windows Phone e ordenadores no futuro) e tanto pode reproducir música de servizos en liña como Spotify ou WahWah (radio en liña de balde), esperando incorporar compatibilidade con servizos como Grooveshark, Soundcloud, Google Play, Rhapsody, Songza, Pandora, Amazon, Rdio, Deezer e Slacker.
O dispositivo mide 80 x 80 x 42 milímetros, funciona cun procesador Qualcomm Atheros AR9341 e pode conectarse a uns altofalantes mediante a súa saída de audio estándar de 3,5 milímetros. Esperan completar a súa primeira remesa de 6.500 unidades no mes de xullo e as primeiras unidades vendidas terán un prezo de 30 e 40 dólares (para as versións en negro e branco respectivamente), cantidade que incrementarase en 20 dólares tras vender as primeiras 500 unidades do Gramofon. Para que o proxecto sexa unha realidade deberá superar os 250.000 dólares.

JPEG - 49.3 KB
O Gramofon poderá adquirirse en branco ou negro por a partir de 30 dólares


Vídeo de presentación do proxecto en Kickstarter

PUBLICIDADE