Griffin presenta un adaptador para poder usar auriculares tradicionais mediante Bluetooth

martes, 30 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Espérase que o vindeiro día 7 de setembro Apple presente o novo iPhone 7, que entre outras cousas destacaría por prescindir da toma de auriculares, ao que compañías como Griffin están a reaccionar preparando dispositivos como o iTrip Clip, un adaptador Bluetooth para auriculares que chegará ás tendas a finais de mes a un prezo de 21,95 euros e que facilitaría o uso de auriculares tradicionais en smartphones e tabletas a través de Bluetooth 4.1.
Este pequeno trebello, aparte do mini-jack para conectar os auriculares tradicionais conta tamén con botóns de reprodución/pausa, anterior, seguinte e de control de volume, servindo así para o control multimedia a unha distancia de até 10 metros do dispositivo móbil.
O iTrip Clip mide 45,2 x 31,75 x 17,2 milímetros, integra unha batería de 800 mAh que permite unha autonomía de até 6 horas de uso e 180 horas en espera e tamén sería compatible cos modos de mans libres e para o control de Siri. Amais, dende Griffin lembran o detalle de que, aparte de servir para conectar auriculares, tamén pode empregarse cun cable auxiliar para facilitar a conexión de smartphones ao equipo de son do automóbil.

PUBLICIDADE