HP Envy x2 segue os pasos da Surface Pro 3

martes, 18 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O concepto de equipo informático explorado por Microsoft co Surface Pro parece ter convencido a HP, que fornece unha liña de detachables, ou sexa, de equipos que poden funcionar como tabletas e como portátiles, pero poden separar o teclado da pantalla. Así temos o novo HP Envy x2, un equipo que está dispoñible en dous tamaños de pantalla táctil IPS Full HD (13,3 e 15,6 polgadas) que poden axustarse en altura mediante unha peaña incorporada na súa parte traseira que o converten practicamente nun Surface Pro 3 de maior tamaño.
O HP Envy x2 funciona cun procesador Intel Core M a 2/2,6 GHz, con 4/8 Gb de RAM, gráfica Intel HD 5300, unidade SSD de 128/256/512 Gb no modelo de 13,3” e disco duro de 500 Gb (con 16 Gb de caché flash) no modelo de 15,6”, Wi-Fi AC, Bluetooth, 2 portos USB 3.0, saída HDMI 1.4a, webcam Full HD, altofalantes BeatsAudio, e unha funda que fai de teclado retroiluminado Bluetooth. Opera con Windows 8.1 e resulta un produto bastante atractivo por partir dun prezo relativamente axustado, xa que o modelo de 15,6” parte dun prezo de 749,99 dólares (e só encarece o seu prezo en 60 dólares se queremos gozar de 8 Gb de RAM).
Cómpre destacar que o modelo de 13,3” tamén permite gozar de 8 Gb de RAM por só 60 dólares máis do seu prezo base (de 799,99 dólares), pero neste caso hai que matizar que a pantalla que inclúe ten unha resolución de só 1.366 x 768 píxeles (tendo que pagarse un suplemento de 100 euros para gozar da versión Full HD). De todos os xeitos, ao incluír o seu teclado Bluetooth temos uns equipos de maior tamaño e menor prezo que os de Microsoft, o que agradecerán os usuarios que queiran gozar deste tipo de equipos que, por desgraza teñen un grosor maior do desexable (13,7 milímetros no modelo de 13,3” e 14,7 milímetros no modelo de 15,6”). O peso consegue estar por debaixo dos ordenadores portátiles ordinarios, pero bastante por enriba das tabletas, xa que o modelo máis cativo, sen o teclado, xa pesaría 1,27 quilogramos, mentres que a Surface Pro 3 de pesa 800 gramos.
Polo momento estes equipos están á venda nos EE.UU., pero é de agardar que en pouco tempo estean tamén dispoñibles en España.


Vídeo promocional do novo HP Envy x2

PUBLICIDADE