HP avanza na realidade virtual persoal cun equipo que pode levarse a costas

mércores, 11 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Unha das grandes limitacións das solucións de realidade virtual actuais e que precisan de grande potencia, de xeito que están baseadas en potentes ordenadores de sobremesa aos que conectar un casco mediante cables, pero para facilitar usos máis versátiles dende HP prepararon un potente ordenador de escritorio compacto OMEN X equipado cun procesador Intel Core i7 de 7ª xeración, 16 GB de RAM, 1 TB de SSD e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080 con 8 GB de memoria, que pode albergarse nun accesorio con forma de mochila, que facilita levar o equipo a costas, o que permitiría contar cunha solución de realidade virtual potente afastada do escritorio sen empregar longos cables e cun meso bastante contido (4,6 quilogramos).
Este tipo de solucións poden considerarse de transición, xa que espérase que no futuro podamos gozar de cascos de realidade virtual sen fíos que incluso poidan operar con independencia a ordenadores persoais, pero mentres se solucionan as limitacións de potencia e autonomía que permitirían tal, temos este tipo de produtos que, no caso que nos ocupa, chega esta mesma semana ao mercado norteamericano, o que podería facilitar a exploración de novas posibilidades lúdicas e industriais da realidade virtual.
Cómpre destacar que estamos ante unha solución que está moi lonxe do alcance da meirande parte dos petos, xa que o equipo compacto de HP custaría 2.499,99 dólares e a mochila 499,99 dólares, ao que habería que engadir o prezo do casco de realidade virtual e os seus mandos (que no caso de HTC Vive serían 599 dólares), o que non impide que sexa un produto cunha demanda relativamente alta, xa que é previsible que haxa moitos desenvolvedores interesados en facerse con solucións deste tipo para avanzar nas posibilidades da VR.

PUBLICIDADE