HP estrea un portátil convertible con pantalla multi-táctil

mércores, 19 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O portátil pode converterse nun TabletPC xirando a súa pantalla

HP conseguiu achegar unha experiencia de uso semellante ao do iPhone no seu ordenador de escritorio HP TouchSmart, e agora quere facer o propio cos portátiles, e presenta o seu TouchSmart tx2, que é un portátil convertible en TabletPC (con só xirar a súa pantalla), que incorpora unha pantalla multi-táctil que pode funcionar tanto coas dedos coma cun lapis, o que o converte nun dispositivo único no mercado.
O equipo ten unha pantalla de 12,1 polgadas (o que o fai bastante cómodo de transportar) con retroiluminación LED, funciona cun procesador AMD Turion X2 de dobre núcleo, ata 8 Gb de RAM, disco duro de entre 250 e 400 Gb, tarxeta gráfica Radeon HD 3200, gravadora de DVD, webcam, Wi-Fi, Bluetooth, lector de tarxetas de memoria, saída VGA, 3 portos USB e fenda Expresscard.
Ao incluír o software MediaSmart 2.0 se facilita o consumo audiovisual a través da súa interface táctil (adiantándose a características que se agardan no futuro Windows 7), aínda que cómpre destacar que na meirande parte de aplicacións as vantaxes da pantalla táctil quedan moi limitadas, xa que están pensadas para o seu uso con periféricos de máis precisión (coma o rato). O prezo deste equipo nos EE.UU. parte dos 1.149,99 euros, polo que está bastante contido para todo o que ofrece, logrando tamén manter o seu peso bastante reducido, pois estaría polos 2,1 quilogramos (dependendo da configuración).

Para maior precisión a pantalla táctil tamén se pode empregar cun lapis


Vídeo promocional do HP TouchSmart tx2

PUBLICIDADE