HP presenta o seu primeiro Copilot+ PC con procesador AMD

luns, 15 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Cando Microsoft presentou os novos Copilot+ PC, portátiles orientados ao aproveitamento de funcionalidades baseadas en intelixencia artificial correndo en local, dábase a entender que esta tecnoloxía estaba ligada aos procesadores Qualcomm Snapdragon X Elite, aínda que pronto saíron dende Intel e AMD a asegurar que eles tamén prepararían os seus procesadores para a nova tendencia de mercado.
Agora, HP, un dos fabricantes que puxo á venda portátiles Copilot+ PC con procesador Qualcomm, anuncia novos equipos orientados ao uso da intelixencia artificial, destacando o HP OmniBook Ultra de 14 polgadas, que destacaría por ser o primeiro portátil de HP para a nova xeración de IA que estaría equipado cun procesador AMD Ryzen AI 300.
Este novo ordenador, que está previsto que teña un prezo que parta dos 1.449,99 dólares, estaría equipado cunha pantalla táctil de 14 polgadas cunha relación de aspecto 16:10, até 32 GB de RAM LPDD5x, até 2 TB de SSD, gráfica AMD Radeon 800M, Wi-Fi 7, Bluetooth 5.4, cámara de 9 Mpíxeles con IA e infravermellos, carga rápida, unha autonomía de até 21 horas e un peso de 1,579 quilos, polo que podería converterse nun produto bastante interesante para os que buscan portabilidade, autonomía e prestacións avanzadas nun único dispositivo.
No que se refire ao desempeño en IA, a NPU do HP OmniBook Ultra chegaría aos 55 billóns de operacións por segundo, polo que sería dabondo para tirar proveito das prestacións de Copilot en Windows 11 (aínda que polo momento non hai data para que Microsoft libere a actualización que achegará as funcións de Copilot+ PC aos equipos con procesadores de AMD).
Nas vindeiras semanas presentaranse aínda máis equipos baseados en procesadores AMD preparados para o futuro, ou sexa, que entrarán dentro da categoría de Copilot+ PC, o que fará que as funcións de IA que promove Microsoft estean presentes nunha maior diversidade de equipos, dinamizando o mercado da informática de consumo.