HP presenta os seus novos produtos con webOS

xoves, 10 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

HP presentou os seus novos produtos co sistema operativo webOS deixando claro que tiñan asumida a absorción de Palm, de xeito que os seus novos dispositivos xa serán directamente anunciados como de HP, comezando por 2 terminais móbiles e un tablet que quere competir co iPad.
O HP TouchPad sorprende por ser practicamente un calco do iPad de Apple, cunha pantalla táctil de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768, unhas dimensións de 190 x 240 x 13,7 milímetros, un peso de 700 gramos, Wi-Fi N, Bluetooth e opción 3G e A-GPS, mellorando ao dispositivo actual de Apple por contar cun procesador Qualcomm MSM8660 a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, webcam de 1,3 Mpíxeles, un sistema de carga indutiva e conectividade microUSB, aínda que estas prestacións poderían igualarse por Apple nos vindeiros días de confirmarse o coñecido popularmente coma iPad 2.
O factor diferenciador do HP TouchPad sería o uso de webOS 3.0, sistema operativo moi funcional comparable ao Android 3.0, contando con multitarefa real e navegador web con soporte de Adobe Flash. Tamén busca a interacción con outros dispositivos de HP mediante a tecnoloxía NFC, o que vai dar pé a funcionalidades diferentes ás que estamos afeitos.
Por desgraza, este tablet non chegará ao mercado ata o verán a un prezo aínda sen confirmar, o que dá a entender que vai ter serios problemas para competir co novo iPad, pois non poderá aproveitar unha fiestra de tempo na que este produto fose claramente superior.
Novos móbiles con webOS

JPEG - 41.1 KB
O HP Pre3 é un digno herdeiro dos móbiles de Palm

Pero HP non quedou só no seu iPad-killer, senón que tamén presentou sucesores aos últimos móbiles de Palm, coma son o HP Pre3 e o HP Veer, que coas súas diferenzas de tamaño buscan adecuarse as necesidades de distintos usuarios.
O HP Pre3 chega cunha pantalla táctil de 3,6 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, un procesador Qualcomm Snapdragon a 1,4 GHz, 512 Mb de RAM, cámara de 5 Mpíxeles, gravación de vídeo a 720p, 8/16 Gb de almacenamento, A-GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, a posibilidade de crear un punto de acceso Wi-Fi para ata 5 usuarios, batería de 1.230 mAh compatible co cargador indutivo Touchstone, unhas medidas de 64 x 111 x 16 milímetros e 156 gramos de peso.

JPEG - 28.1 KB
O Hp Veer opta por un deseño moi compacto

Pola súa banda, o HP Veer aposta por un deseño máis compacto (54,5 x 84 x 15,1 milímetros) e lixeiro (103 gramos), unha pantalla de 2,6 polgadas cunha resolución de 320 x 400 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon a 800 MHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, cámara de 5 Mpíxeles, Bluetooth, A-GPS, Wi-Fi, a posibilidade de crear un punto de acceso Wi-Fi e batería de 910 mAh.
Ambos móbiles teñen teclado QWERT deslizante, sistema operativo webOS 2.2 ou superior e aínda que non se coñece nin o seu prezo nin a súa data final de lanzamento, deberían chegar ao mercado esta primavera, adiantándose ao HP TouchPad.

PUBLICIDADE