HP presenta un mini ordenador de grande potencia

mércores, 16 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Os ordenadores de pequeno tamaño para pode empregar no escritorio sen que ocupen moito espazo teñen bastante atractivo para o fogar, pero normalmente están orientados a usos básicos, o que quere mudar o HP Z2 Mini, que defínese como a primeira estación de traballo mini, xa que estamos ante un ordenador con potencia dabondo para traballos de deseño por ordenador que tería un tamaño un 90% menor que un ordenador en formato torre, mantendo a súa altura en só 2,3 polgadas (5,8 centímetros).
Dende HP aseguran que o seu novo equipo ten o dobre de potencia que calquera outro ordenador con este formato que haxa actualmente no mercado, engadindo que o HP Z2 Mini está deseñado para poder achegar potencia dabondo sen que iso supoña por en compromiso a tranquilidade acústica do contorno de traballo (o seu sistema de refrixeración permite que sexa un 63% máis silencioso outros mini ordenadores).
Este pequeno equipo funciona cun potente procesador Intel Xeon, unha rápida unidade de disco HP Z Turbo Drive de até 1,5 TB de capacidade e gráfica nVIDIA Quadro Pro M620, prestacións bastante elevadas para un dispositivo deste formato que sairá á venda en todo o mundo en decembro a un prezo que parte dos 699 dólares (652,73 euros).

Vídeo promocional do HP Z2 Mini

PUBLICIDADE