HP presenta un novo portátil para gamers que permite overclocking
martes, 22 de agosto do 2017
No
marco da Gamescom de Colonia HP presentou o seu ordenador portátil para
xogadores máis potente até o momento, o novo HP Omen X,
que sairá á venda este mesmo ano a un
prezo que nos EE.UU. parte dos 1.999 dólares, polo que non será
precisamente económico.
Este impresionante portátil con Windows 10 estará dispoñible en distintas
configuracións, sendo capaz e mover sistemas de realidade virtual sen problema
e permitindo realizar overclocking, buscando
así cubrir as elevadas esixencias dos gamers
que queren gozar de xogos con máximo nivel de detalle. Como curiosidade, o
equipo estará dispoñible cunha pantalla de 17 polgadas con resolución 4K ou
cunha pantalla Full HD cunha velocidade de 120 Hz, ou sexa, que o usuario
poderá decidir se prefire moitos detalles ou unhas animacións máis fluídas,
pero sempre cun nivel moi superior ao que estamos afeitos en equipos
portátiles.
O portátil HP Omen X poderá equipare con procesadores Intel Core i7 de sétima
xeración, memoria DDR4-2800 overclockeable,
gráficas overclockeadas de fabrica
até unha nVIDIA GeForce GTX 1080, distintas opcións de almacenamento (dende un
disco duro de 1 TB até unha rápida unidade SSD) e, como grande sinal de
identidade, teremos un equipo que será doado de actualizar, de xeito que un
panel facilitará o acceso ás unidades de disco e á memoria RAM, para que o
usuario poida ampliar as prestacións do equipo para alongar a súa vida.
Este impresionante portátil incorporará 3 portos USB 3.0 tipo A, 2 portos USB
3.1 tipo C (Thunderbolt 3), saída HDMI 2.0 con soporte de HDR, mini
DisplayPort, RJ45, lector de tarxetas de memoria e tomas independentes para
micrófono e auriculares.