HP presenta un tablet de escritorio con pantalla de 20 polgadas

xoves, 23 de maio do 2013 Marcus Fernández

Windows 8 está a ser un motor para a innovación nos equipos informáticos, que poden agora adoptar formatos inéditos e presentar propostas curiosas das que aínda queda por ver se existe unha demanda real, e nesta liña HP vén de presentar o Envy Rove 20, unha especie de tablet de escritorio, con pantalla de 20 polgadas, batería cunha autonomía de ata 4 horas e unha peaña que facilita a súa colocación en distintas posicións (para facer cómodo o seu os como tablet ou como se fose un ordenador todo-en-un).
O HP Envy Rove 20 funciona cun procesador Intel, a súa pantalla táctil ten un panel IPS cunha resolución de 1.600 x 900 píxeles, leva no seu interior un disco duro de 1 Tb apoiado por unha SSD de 8 Gb para acelerar os tempos de carga, 3 portos USB, ten conectividade tanto WiDi como IEEE 802.11ac, o seu son é de calidade (Beats Audio) e pretende chegar ao mercado en xullo a un prezo aínda por determinar (agardan que estea no contorno dos 1.000 dólares). Aínda que estamos ante un equipo demasiado pesado como para empregalo fóra da casa ou da oficina, dende HP confían que poidan empregarse como un tablet para uso compartido, por exemplo, para gozar de xogos de mesa en familia, de aí que inclúa xogos precargados como o Monopoly de EA.

PUBLICIDADE