HP venderá un portátil inspirado en Star Wars

mércores, 7 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Entre as moitas novidades de HP desveladas durante o día de hoxe sorprendeu especialmente unha edición especial dun ordenador portátil de HP que chega co gallo do filme Star Wars: El Despertar de la Fuerza e, de feito, HP sería o único fabricante en colaborar con Disney e Lucasfilm para crear un produto deste tipo, o que permítelles poder ter en exclusiva fondos de escritorio, salvapantallas e sons de sistema personalizados que serán a envexa de todo seareiro da saga creada por George Lucas.
O Star Wars Special Edition Notebook conta cun deseño exterior inspirado no Imperio Galáctico, que nos deixa ver ao clásico Darth Vader no deseño exterior da súa tapa e a un par de Stormtroopers e a Estrela da Morte na superficie baixo o seu teclado, xunto con moitos outros detalles que resultarán sumamente familiares para calquera coñecedor de Star Wars (como un touchpad inspirado no sistema de guiado dun caza X-Wing), de xeito que a personalización relativa ao novo filme limitaríase aos numerosos contidos pre-cargados dentro do ordenador (cómics dixitais, tráilers, vídeos, máis dun milleiro de fotografías da historia de Star Wars...). Como curiosidade inclúe unha tipografía Aurebesh (para poder escribir na linguaxe galáctica) e poderase substituír a icona da papeleira de reciclaxe pola Estrela da Morte.
Este equipo vén cunha pantalla Full HD de 15,6 polgadas (con opción táctil), procesador Intel Core i5/i7, até 12 GB de RAM, até 2 TB de disco duro, gráfica Intel HD 520 ou nVIDIA GeForce 940M, altofalantes duais B&O Play e unha autonomía de até 7 horas. Pode completarse con accesorios como un rato sen fíos e unha funda que tamén van a xogo coa estética do equipo.
Este ordenador sairá á venda nos EE.UU. o 8 de novembro a un prezo que parte dos 699,99 dólares, custando 39,99 dólares tanto o rato sen fíos como a funda, descoñecéndose polo momento se poderemos velo en España (o que parece probable se nos fixamos no feito de que a nota de prensa oficial de HP remitiuse dende Barcelona).

Vídeo promocional do Star Wars Special Edition Notebook

PUBLICIDADE