HTC Vive baixa de prezo para recibir ao seu sucesor

luns, 19 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A primeiros de ano, no marco do CES de Las Vegas, presentouse o novo casco de realidade virtual HTC Vive Pro, que principalmente supón unha mellora da resolución das súas pantallas integradas e a incorporación de auriculares de calidade no propio casco, e por fin anuncian cando chegará o produto ao mercado: o casco HTC Vive Pro solto (ou sexa, sen mandos, sensores nin adaptador sen fíos) venderase a 879 euros e comezará a remitirse aos compradores o vindeiro 5 de abril.
Estamos ante unha solución cun prezo bastante elevado, pero o seu lanzamento tamén ten impacto no modelo básico, pois o casco HTC Vive baixa xa agora de prezo, pasando a custar oficialmente 599 euros, o que supón unha rebaixa de 100 euros fronte ao modelo anterior, aínda que o cambio de prezo deixarase notar máis nos EE.UU., xa que alí esta solución pasará a custar 499 dólares, o que supón pasar por debaixo da barreira psicolóxica dos 500 dólares, o que podería animar a moitos consumidores a facerse cun destes cascos.

PUBLICIDADE