HTC achega grandes prestacións e elegante diseño co seu novo Touch Diamond

martes, 6 de maio do 2008 Marcus Fernández

HTC vén de presentar en Londres o seu novo móbil Touch Diamond que nos seus 102 x 51 x 11,3 milímetros e só 110 gramos de peso encerra un terminal co sistema operativo Windows Mobile 6.1, pantalla táctil de 2,8 polgadas con resolución VGA e conectividade Bluetooth, Wi-Fi e HSDPA de ata 7,2 Mbps que se venderá a partir de xuño en Europa a través de Orange e outras grandes operadoras.
O Touch Diamond ten cámara de 3,2 Mpíxeles (con cámara dianteira para facer videochamadas), GPS, 4 Gb de almacenamento e tamén conta cun acelerómetro para rotar imaxes cando se xira o móbil. Destaca por moitas outras melloras en usabilidade, pois se pode manexar de xeito doado cun único dedo incluso na navegación web con Opera (e proximamente cunha versión móbil do Internet Explorer 6).
Podemos establecer moitas semellanzas entre este novo móbil e o iPhone de Apple, pois o terminal de HTC tamén ten grandes prestacións de reprodución multimedia e aplicacións para a consulta dos dato meteorolóxicos ou para acceder a vídeos de YouTube, pero os seus fabricantes souberon darlle unha aparencia realmente diferenciada e elegante.

PUBLICIDADE