HTC pecha a súa oficina en España
mércores, 7 de decembro do 2016
Pese a ser un dos fabricantes que contribuíron á
popularización de Android, HTC non está a pasar un bo momento de vendas, e a
compañía vén de anunciar nun comunicado oficial o peche da súa oficina en
España, aínda que manterá o seu negocio a través de distribuidores locais
cos que pecharon acordos.
Este peche estaría dentro da estratexia de reordenación do negocio de HTC, que
busca un modelo operativo máis áxil e lixeiro, para poder medrar no mercado dos
smartphones, onde está a ter maiores dificultades. Smartphones como o HTC M9 e
o HTC 10 Evo manteranse á venda, así como tamén continuará a darse servizo
técnico aos produtos de HTC.
O fabricante taiwanés si manterá a súa división de realidade virtual, que
ofrece unha solución inmersiva que practicamente carece de competencia, xa que
as HTC Vive son o casco de realidade virtual máis completo no mercado, o que dá
a compañía unha posición moi beneficiosa para continuar a prosperar neste eido
emerxente.
O casco de realidade virtual HTC Vive é o que ofrece a sensación máis inmersiva do mercado