HTC podería presentar esta semana un móbil con pantalla de 5 polgadas
luns, 17 de setembro do 2012
Nun momento no que o terminal con Android líder é o Samsung
Galaxy S III parece que o resto de fabricantes que apostaron polo sistema
operativo de Google quedaron atrás, pero a competición non cesa, e compañías
como HTC parece que están listas para volver a pórse no punto de mira,
especialmente se atendemos a terminais como o que vén de filtrarse: o
HTC DIx, que sería un móbil cun procesador Snapdragon S4 de catro núcleos,
1,5 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, un LED para notificacións e unha
impresionante pantalla de 5 polgadas a 1.080p, ou sexa, con 480 puntos por
polgada, o que supera considerablemente os 326 puntos por polgadas da pantalla
Retina do iPhone 5.
Para continuar a redondear o terminal, o seu almacenamento interno podería
ampliarse mediante tarxetas de memoria, a súa batería sería extraíble e
soportaría o uso de stylus, polo que
estariamos ante un terminal que incluso podería verse como competidor do
Samsung Galaxy Note. É de agardar que o vindeiro mércores se anuncie este novo
terminal, así como un HTC One X+, que tamén podería converterse nun smartphone con Android 4.x a ter en
conta.