HTC presenta o seu primeiro móbil con Android e 4G

mércores, 24 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Nas últimas semanas en certos foros comentaban o anuncio dun prometedor terminal de telefonía móbil con Android chamado HTC Supersonic, e ao igual que o HTC Bravo finalmente chamouse HTC Desire, desta volta o nome definitivo foi HTC EVO 4G, que é un terminal con pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 800 x 554 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, 1 Gb de ROM, 512 Mb de RAM, tarxeta microSD de 8 Gb,cámara de 8 Mpíxeles con gravación de vídeo a 720p, cámara frontal de 1,3 Mpíxeles, saída de vídeo (HDMI), Wi-Fi, batería de 1.500 mAh, sistema operativo Android 2.1 coa interface de usuario HTC Sense e soporte de Adobe Flash, conector para auriculares estándar e sintonizador de radio FM, o que simplemente parecería un dos últimos móbiles con Android de alta gama se non fose porque incorpora conectividade 4G (WiMAX) o que serve tanto para acceder á Rede a alta velocidade como para funcionar coma punto de acceso sen fíos para ata 8 dispositivos.
A compañía que porá á venda este impresionante terminal nos EE.UU. será Sprint (que conta xa con cobertura WiMAX nalgunhas cidades norteamericanas), aínda que haberá que agardar ao verán para velo nas rúas, descoñecéndose aínda os seus plans de comercialización no resto do mundo, o que supomos que farase agardar posto que as conexións 4G aínda non son populares nin gozan de moita demanda.
Estamos sen dúbida no smartphone de prestacións máis avanzadas presentado ata o momento, aínda que posiblemente a súa aparición busque unicamente abrir un mercado que vaia máis aló da telefonía 3G, aínda que o feito de que non anuncien o prezo do HTC EVO 4G dá a entender que podería ser moi elevado.


O HTC EVO 4G demostra en vídeo que é un móbil real, pese a que aínda falten meses para a súa comercialización

PUBLICIDADE