HTC presenta un par de móbiles con Windows Phone 8

mércores, 19 de setembro do 2012 Marcus Fernández

HTC celebrou hoxe un evento para os medios en New York que curiosamente centrouse na presentación de terminais con Windows Phone 8, que na liña de Nokia, chegan en cores moi rechamantes e tamén poranse á venda en novembro, mes no que o sistema operativo móbil de Microsoft vai procurar facerse un bo oco no mercado de cara á campaña de Nadal. Entre os operadores que van distribuír estes móbiles en Europa figuran Orange, Vodafone e Telefónica.
Como móbil insignia, e cun ha innegable inspiración nos Nokia Lumia, temos agora o HTC 8X, móbil con pantalla de alta definición (720p) de 4,3 polgadas con Gorilla Glass 2, procesador Qualcomm S4 de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, microSIM, Bluetooth 2.1, Wi-Fi N, NFC, GPS, son de alta calidade (Beats Audio), cámara traseira de 8 Mpíxeles con enfoque automático e flash LED capaz de gravar vídeo a 1.080p, cámara frontal de 2,1 Mpíxeles con gravación de vídeo a 1.080p, un grosor de 10,12 milímetros e un peso de 130 gramos, Estará dispoñible en azul, negro, lima e vermello e o seu prezo de venda libre será de 599 euros.
Para chegar a un público máis amplo temos tamén o HTC 8S, que limita a súa pantalla ás 4 polgadas (con Gorilla Glass e unha resolución de 800 x 480 píxeles), confórmase cun procesador Qualcomm S4 de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno, e ten tamén microSIM, GPS, Bluetooth 2.1, Wi-Fi N, son de alta calidade (Beats Audio), cámara frontal de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash LED capaz de gravar vídeo a 720p, un grosor de 10,28 milímetros e un peso de 113 gramos. Preséntase con carcasas que combinan varias cores dándolle unha aparencia moi rechamante e o seu prezo libre en España será de 319 euros, o que é un punto moi ao seu favor (se temos en conta as posibles subvencións que ofrecerán algúns operadores móbiles).
En vista desta presentación de HTC dende Nokia non trabaron a lingua e declararon que os novos terminais son moi positivos para o ecosistema Windows Phone, aínda que matizan que “mentres outros elixen re-marcar tacticamente os seus produtos, Nokia leva unha franquía líder na industria en exclusiva para Windows Phone. Con Lumia creamos unha experiencia única como as imaxes PureView, a localización e a navegación, a carga sen fíos e Nokia Music. E só estamos a empezar”. Estas declaracións responderían ao feito de que os terminais de HTC non deixan de ser versións doutros móbiles que xa existían co sistema operativo Andorid aos que instalaron outro sistema operativo.


Vídeo de presentación dos novos móbiles con Windows Phone 8 de HTC