Harman Kardon prepara uns altofalantes que integran o asistente de Google

luns, 27 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Harman Kardon vai pór á venda a finais de setembro os seus novos altofalantes Citation 500, que presentaranse na feira IFA de Berlín nos vindeiros días e xa conta cun premio EISA ao mellor produto 2018-2019. Estes altofalantes domésticos presentan un acabado en tea e destacan por integrar ao asistente de Google, ou sexa, que poderían verse como un Google Home Max de alta gama, xa que o seu prezo de venda será de 549 libras esterlinas (606 euros).
Os altofalantes Harman Kardon Citation 500 integran altofalantes estéreo de 200 watts, con soporte de streaming de audio de alta definición de até 24 bits a 96 KHz, un panel táctil LCD a toda cor na súa parte superior e a posibilidade de empregalo tanto para reproducir música como para controlar os nosos dispositivos domóticos.
Harman Kardon xa ten altofalantes con Cortana e Alexa, pero con este modelo co asistente de Google dá un importante salto nunha gama de luxo orientada a un público moi esixente en calidade de son.

PUBLICIDADE