Hasbro recupera vellos xogos electrónicos portátiles

xoves, 20 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A nostalxia levou á recuperación de vellas consolas de videoxogos, e dende Hasbro queren ir un paso máis adiante, e están a preparar a recuperación dos xogos electrónicos portátiles de Tiger Electronics, que estaban baseados nun panel LCD monocromo sobre un fondo estático en cor. Estamos ante dispositivos que serían precursores das consolas portátiles, pero moito máis limitadas, de xeito que a súa compra atende principalmente á nostalxia e ao coleccionismo, xa que non son dispositivos que poidan achegar moito tempo de lecer por resultar moi básicos e repetitivos, aínda que si trasladarán a algúns usuarios a primeiros dos anos 90.
Estes xogos electrónicos portátiles volverán a un prezo de 14,99 dólares nos EE.UU., comezando polos xogos Sonic The Hedgehog 3, X-Men: Project X, Transformers: Generation 2 e The Little Mermaid (La Sirenita), descoñecéndose polo momento se ampliarán esta curiosa colección e se distribuirán estes produtos oficialmente en Europa.

PUBLICIDADE