Hauppauge presenta un novo receptor Bluetooth para dispositivos móbiles

luns, 17 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Estes días Hauppauge presentou o seu myMusic-Bluetooth, un receptor de música sen fíos móbiles e tablets con iOS e Android que facilita a conexión de dispositivos móbiles a sistemas sonoros. Este dispositivo vén a ser un simple receptor de son a través de Bluetooth 3.0 (coa posibilidade de emparellarse rapidamente mediante NFC), que conta con tomas mini-jack de 3,5 milímetros ou RCA estéreo, para poder conectalo a un equipo de son doméstico ou incluso a o sistema de son dun automóbil (pois integra unha batería de 250 mAh que facilita o seu uso en mobilidade cunha autonomía de ata 7 días en espera e 10 horas en funcionamento), onde tamén podemos aproveitalo como solución de mans libres, xa que integra un micrófono.
Este tipo de trebello resulta moi práctico para poder escoitar no fogar ou no automóbil a música que teñamos almacenada no móbil, aínda que tamén pode resultar moi atractivo como un xeito de acceder a servizos como Spotify lonxe do ordenador e cunha calidade mellor da que habitualmente achegan os altofalantes integrados en dispositivos móbiles. O Hauppage myMusic-Bluetooth mide 52 x 52 x 13 milímetros, pesa 26 gramos e chegará ás tendas españolas a un prezo recomendado de 29,99 euros.

PUBLICIDADE