Hi-Call permítenos falar polo móbil sen arrefriar as mans

martes, 9 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Coa chegada do frío do inverno pode resultar complicado empregar os smartphones actuais, pois na meirande parte dos casos as súas pantallas non responden ao contacto dos dedos enfundados en luvas, para o que xorden distintas solucións entre as que podemos destacar as orixinais luvas hi-Call, que tanto serven para utilizar pantallas táctiles como para falar a través de Bluetooth dun xeito curioso, xa que integran un micrófono e un auricular nos espazos reservados para os dedos polgar e meniño.
Este sistema de mans libres que non deixa as mans libres poden comunicarse co móbil ata unha distancia de 12 metros, cárganse mediante USB, a súa batería ten unha autonomía de 20 horas en conversa e 10 días en espera e véndese en modelos para home e muller e cor negra ou gris por 49,99 euros.
O mesmo fabricante comercializa outros accesorios orixinais como as luvas hi-Glove (para poder empregar pantallas capacitivas, pero sen integrar Bluetooth), o altofalante hi-Sleep que tamén fai de coxín, ou a gorra con altofalante hi-Hat (para poder escoitar música ou responder ao móbil sen arrefriar a cabeza.

As luvas Hi-Call véndense en 2 cores distintas e en tamaños para home e muller


Hai unhas semanas a xente de Engadget probou as luvas hi-Call

Hi-Fun tamén vende gorras que serven de altofalantes para a reprodución multimedia

PUBLICIDADE