Honor presenta o seu novo smartphone encartable
venres, 26 de xaneiro do 2024
Honor vén de estrear para o mercado europeo o smartphone encartable máis fino e lixeiro do mundo, cun grosor de 9,9 mm encartado e 4,7 mm despregado, o que é todo un logro só superado pola ousadía do seu prezo, xa que o Honor Magic V2 sae á venda a un prezo oficial de 1.999 euros, cando o seu competidor máis directo, o Samsung Galaxy Z Fold5 con 512 GB de almacenamento pode atoparse de oferta a 1.399 euros.
Se esquecemos o prezo surrealista, o Honor Magic V2 é un smartphone bastante interesante, cunha pantalla exterior OLED de 6,43 polgadas (polo que practicamente sería un smartphone ordinario cando está pechado) e unha pantalla interior OLED encartable de 7,92 polgadas. Curiosamente está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, ou sexa, un modelo do ano pasado, algo que resulta difícil de entender ao ver o elevado prezo do dispositivo. Onde non queda curto é en memoria, xa que conta con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno, o que debería ser dabondo para case calquera usuario.
No apartado de cámaras, o Honor Magic V2 conta cunha cámara traseira tripla con sensores grande angular e ultra grande angular de 50 Mpíxeles e teleobxectivo de 20 Mpíxeles, mentres que a cámara dianteira limítase aos 16 Mpíxeles.
Conta cunha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 66 watts e o seu peso é de 231 gramos, polo que ofrece unha experiencia de uso semellante á de soster un teléfono convencional.
En definitiva, un teléfono que pode presumir de deseño e prestacións, pero que terá un difícil encaixe comercial, xa que en Europa os consumidores teñen serias reticencias á hora de mercar móbiles de alta gama de marcas distintas a Apple ou Samsung.
- Honor conseguiu facer un móbil encartable realmente delgado, aínda que cun prezo que dificulta o seu encaixe comercial