Huawei Mate40 Pro terá magníficas cámaras que non compensan a ausencia dos servizos de Google

xoves, 22 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O veto estadounidense a Huawei continúa a eclipsar ao fabricante chinés, que nas últimas horas presentou un dos seus novos móbiles insignia e, ao carecer o mesmo dos servizos de Google, está a pasar bastante desapercibido cando, noutro contexto, podería chegar a situarse como un dos grandes referentes no sector dos smartphones durante o que resta de ano.
O Huawei Mate40 Pro é un smartphones 5G que volve apostar por un apartado fotográfico excelente desenvolvido grazas á colaboración con Leica, o que desta volta destaca especialmente polo deseño da súa cámara traseira, á que chama Ultra Vision Cine Camera, e que dispón os seus obxectivos centro dun anel, reforzando a identidade deste teléfono que na cámara frontal opta por unha Ultra Vision Selfie Camera (ou sexa, unha cámara dobre para completar a súa cámara de 13 Mpíxeles cun sensor de profundidade, pese a que iso ten un certo custo estético, xa que a perforación en pantalla faise moi visible).
A cámara de ultra visión é un sensor de 50 Mpíxeles con apertura f/1.9 que promete claridade asombrosa; a cámara de cine ultra ancha ten un sensor de 20 Mpíxeles con apertura f/1.8 e estaría destinada a rexistrar vídeo cun estilo cinematográfico (contando con 4K e HDR, podendo incluso filmar en cámara ultra lenta a 720p capturando 3.840 imaxes por segundo); un sensor láser axudaría a enfocar de xeito rápido e preciso; e a cámara de teleobxectivo de 12 Mpíxeles con estabilización óptica achegará un zoom híbrido de 10x e un zoom dixital de 50x.
Este novo teléfono funciona cun procesador Kirin 9000 5G fabricado con tecnoloxía de 5nm e, seguindo as tendencias actuais dos fabricantes chineses, tamén integra tecnoloxías de carga rápida bastante impresionantes, podendo cargar por cable a 66 watts e sen fíos a 50 watts a súa batería de 4.400 mAh.
Como sistema de identificación dos usuarios tira proveito dun lector de impresións dixitais integrado en pantalla e dun sistema de desbloqueo facial en 3D. Tamén estrea un sistema de control intelixente de xestos, característica incluída por outros fabricantes no pasado, para ser abandonada ante a falta de uso por parte dos usuarios.
O Huawei Mate40 Pro ten unha grande pantalla (6,76 polgadas) con bordes curvos, panel OLED, resolución Full HD+ e unha velocidade de refresco de 90 Hz; conta con protección IP68 ante po e auga; e presume de conexións moi rápidas grazas ao uso da 5G e de Wi-Fi 6.
O Huawei Mate40 Pro chegará ás tendas o 9 de novembro a un prezo de 1.199 euros nunha configuración con 8 Gb de RAM e 256 GB de almacenamento interno, dando a impresión de que a súa presenza comercial vai ser meramente testemuñal, pois será difícil que haxa moitos consumidores dispostos a pagar cantidades tan elevadas por un móbil que presenta tantos problemas para o uso do software máis popular por culpa dun veto político.

´ Vídeo do evento de presentación dos Huawei Mate40

PUBLICIDADE