Huawei comercializa en China un smartphone con 4 cámaras

venres, 22 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O mercado chinés vén de recibir un novo smartphone bastante interesante, o Huawei Maimang 6, que polo que se comenta é moi probable que chegue ao noso mercado baixo o nome de Huawei Mate 10 Lite, e que xa pode reservar en cor negra, dourada e azul por 2.399 iuans (304 euros), prezo que pode resultar máis que interesante para un dispositivos das súas prestacións, xa que, aparte de contar cunha xenerosa pantalla de 5,9 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles (con cristal 2.5D que suaviza os seus reducidísimos marcos) tamén presume de dobre cámara frontal e traseira.
No que se refire ás cámaras, o Maimang 6 integra na súa parte traseira unha cámara de 16 Mpíxeles con flash LED de dobre ton que está acompañado por unha cámara de 2 Mpíxeles para axudar a ter información de profundidade e así poder xogar co enfoque selectivo. Na parte frontal a cámara principal é de 13 Mpíxeles tamén con flash LED e unha cámara secundaria de 2 Mpíxeles, unha curiosa proposta que interesará especialmente aos amantes dos selfies.
Deixando de lado as catro cámaras do móbil, falamos dun terminal cun procesador Kirin 659 de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 64 GB de memoria interna (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), lector de pegadas dixitais, NFC, batería de 3.340 mAh, un grosor de 7,5 milímetros e un peso de 164 gramos. Unhas boas prestacións para un dispositivo que sae hoxe á venda, aínda que non chegará ás tendas chinesas até o vindeiro día 30.

PUBLICIDADE