Huawei prepárase para competir coas Surface de Microsoft co seu MateBook

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés Huawei sorprendeu por aproveitar a celebración do Mobile World Congress para presentar un equipo informático 2-en-1 baseado en Windows 10, que polas súas prestacións e deseño sería un competidor directo das Surface Pro 4 básicas de Microsoft, pero con algúns detalles que fan que este novo produto teña un carácter de seu.
O Huawei MateBook chegará ao mercado a un prezo que parte dos 799 euros, buscando atender a unha demanda de equipos versátiles e altamente portátiles, que sirvan para traballar en mobilidade e para labores creativas, que grazas á incorporación dos procesadores Intel Core m de sexta xeración consegue un grande equilibrio entre potencia e autonomía, á vez que pode gozar dun deseño sen ventiladores, evitando así os ruídos durante o seu funcionamento.
Estamos ante un equipo moi delgado, que só pesa 640 gramos, e para o que hai unha funda con teclado e touchpad que tamén é delgada e lixeira (as teclas teñen un grosor de só 1,5 milímetros), e para satisfacer aos que busquen unha boa imaxe chega cunha pantalla táctil IPS de 12 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles sobre a que poder empregar o lapis MatePen con 2.048 niveis de sensibilidade. A súa autonomía tamén sería moi boa, podendo empregarse para traballar até 9 horas seguidas, pero coa vantaxe de que a súa batería pode cargarse completamente en só dúas horas e media (cargando até o 60% en só 1 hora). Como curiosidade, o MateBook conta cun sensor de pegadas dixitais que presume de ser o máis rápido do mercado.
O modelo básico do Huawei MateBook, cun procesador Core m3, 4 GB de RAM e 128 GB de SSD tería un prezo de 799 euros, ofrecéndose en distintas configuracións até un equipo cun procesador Core m7, 8 GB de RAM e 512 GB de SSD por 1.799 euros, vendéndose a funda-teclado por 149 euros e o MatePen por 69 euros. Falamos duns prezos lixeiramente máis económicos que os da Surface Pro 4 con procesador Core m, que custan 999 euros para o modelo con Core m3, 4 GB de RAM, 128 GB de SSD e lapis (e pesaría 126 gramos máis que a proposta chinesa).
Huawei tamén ofrecerá por 99 euros unha pequena base USB-C que incluirá 2 portos USB estándar, toma Ethernet e saídas VGA e HDMI, ideal para empregar o equipo no escritorio.

Richard Yu, director xeral de Huawei, foi o encargado de presentar o MateBook en Barcelona
O Huawei MateBook parece un produto ideal para creativos

PUBLICIDADE