IKEA podería comercializar lámpadas conectadas no outono
venres, 29 de maio do 2015
Dende IKEA parecen ser cada vez máis conscientes da
tecnoloxía no fogar, e tras incorporar ao seu catálogo de produtos televisores conectados e cargadores sen fíos, o
vindeiro outono teñen previsto lanzar a Home Smart II Lightning Collection,
ou sexa, unha solución de lámpadas regulables e controlables dende o móbil, que
prometen ser máis económicas que outras solucións semellantes presentes no
mercado.
Deste xeito a compañía sueca entraría no sector da domótica dun xeito discreto:
con lámpadas LED que poden mudar de cor e intensidade, para poder adaptar os
ambientes do fogar aos nosos gustos e necesidades, para o que poderemos
empregar un mando a distancia, un sensor de presenza ou unha aplicación para o
smartphone (sendo esta última opción aínda máis completa). O máis interesante
deste sistema é que está pensado para que sexa moi sinxelo, de xeito que o máis
complicado da súa instalación sería enroscar as lámpadas.
Esta solución tamén permitiría o acendido automático das luces cando no
esteamos no fogar (para simular que hai xente) e como detalle salientable
estaría que non sería preciso contar cunha central para xestionar as lámpadas
como acontece con produtos coma os de Philips, o que evita custos ocultos e outras
complicacións, xa que a tecnoloxía estaría integrada completamente nas lámpadas
(ou iso é o que IKEA asegura).