Imaxin alíase con Priberam para integrar o seu sistema de tradución automática nun software de tratamento de vídeo con IA

martes, 6 de xuño do 2023 S. P.

A empresa galega imaxin|software e a portuguesa Priberam remataron a integración de varios pares de idiomas da plataforma Opentrad no software de tratamento de vídeo plainX que, segundo indican, “permite a transcrición, tradución, subtitulado e dobraxe automática empregando avanzadas técnicas de Procesamento de Linguaxe Natural e de Intelixencia Artificial”. Imaxin engade que este proxecto abeirase á colaboración mantida dende hai anos entre ambas dúas empresas, especializadas neste tipo de solucións, colaboración que será ampliada no futuro con novos proxectos en común.
A renovada plataforma de tradución automática de imaxin|software, Opentrad, fornece desde agora a tradución dos seguintes pares de idiomas: galego a portugués, galego a español, español a catalán, español a portugués, catalán a español, español a galego e portugués a galego. Opentrad, que acaba de renovar a súa web, permite a tradución de textos, webs e documentos a un gran número de idiomas e con distintas opcións de personalización.
Pola súa banda, plainX e unha innovadora ferramenta de adaptación de vídeo alimentada por IA de Priberam, que inclúe funcionalidades de transcrición, tradución, subtitulado e dobraxe de calquera vídeo de forma automática. Así, a ferramenta serve de axuda na localización do contido e, tamén, permite aforrar moitas horas de traballo de edición ao tempo que posibilita unha difusión máis áxil. En cuestión de minutos, “é posíbel obter a versión do vídeo en múltiples idiomas para poñelo a disposición dos clientes ou audiencias”, explican fontes da empresa portuguesa, engadindo que plainX xa está a ser usada por grandes axencias de noticias, empresas de tradución ou cadeas de televisión de varios países. Ademais, engade a empresa, o programa permite a súa integración con outros sistemas de monitoraxe de medios, o que aumenta de xeito exponencial as súas posibilidades e novos usos como, por exemplo, a creación de podcast automáticos sobre calquera tema de actualidade.
“A integración dos pares de idiomas de Opentrad co software de Priberam supón un salto adiante para nós, co establecemento dunha alianza cunha das empresas líderes en Procesamento de Linguaxe Natural a nivel europeo e nunha plataforma, plainX, que facilita enormemente o traballo de xestión de vídeos en varios idiomas”, sinalou o director de imaxin|software, Diego Vázquez, engadindo que “neste momento, o uso de tecnoloxías de Intelixencia Artificial fai posíbel aforrar moitas horas de traballo e desenvolver funcionalidades que ata hai pouco, simplemente, non existían”, conclúe.
Pola súa parte, Carlos Amaral, director executivo (CEO) de Priberam, valorou positivamente “a colaboración con Imaxin, unha empresa cunha longa traxectoria, vintecinco anos, no desenvolvemento de proxectos de tradución automática, e que comparte con nós a filosofía de crear produtos e servizos baseados no PLN e da incorporación das posibilidades que achega a IA”. Amaral lembrou as “grandes posibilidades que ofrece para empresas, medios de comunicación, axencias de tradución ou produtoras plainX, tanto a nivel de difusión de contidos como de aforro de tempo de traballo”.

PUBLICIDADE