Intel presenta novas gráficas para usos profesionais
martes, 9 de agosto do 2022
Aínda que Intel non soubo pórse á altura de nVIDIA e AMD
coas súas tarxetas gráficas de consumo, iso non os frea para seguir avanzando nese
ámbito, e presentan
agora unha familia de gráficas Intel Pro A, que non estarían destinadas a
usos como os videoxogos, senón para codificar vídeo en formato AV1, traballar
en machine learning e outros usos profesionais.
A nova familia de gráficas está composta pola gráfica para portátiles Intel Arc
Pro A30M e para as gráficas de sobremesa Intel Arc Pro A40 e A50 (sendo esta
última de dobre slot). Estas novas gráficas están orientadas ao software
profesional, como aplicacións de arquitectura, enxeñaría, construción,
deseño... así como para aplicacións como Blender. Está previsto que cheguen ao
mercado ao longo do presente ano.