Itelsis ofrece solucións para desenvolver formación remota ou semipresencial

martes, 2 de xuño do 2020 Marcus Fernández

A corentena provocou toda unha revolución no sector educativo, facendo cada vez máis frecuentes as clases remotas ou semipresenciais, escenarios nos que a tecnoloxía xoga un rol moi importante á hora de facilitar que a distancia non sexa un atranco ou incluso para poder impartir simultaneamente leccións ante alumnos en persoa e a distancia. Entre as compañías que están a comercializar solucións para adaptarse ás novas demandas educativas podemos salientar o caso de Itelsis Group, que ofrece un lote de dispositivos que facilitan que os alumnos non presenciais poidan seguir explicacións sen problemas de comprensión nin visualización.
A solución proposta por Itelsis consiste nun monitor Traulux TLM de 65 ou 75 polgadas, con pantalla táctil e sistema operativo Android 8.0 integrado; un módulo PC-OPS i5 con 8 GB de RAM e 256 GB de SSD que funciona con Windows 10 e garante un streaming de vídeo de calidade (e ao que tamén pode engadirse un segundo monitor non interactivo para, por exemplo, ver aos alumnos que seguen a clase dende o fogar); unha barra de son e unha cámara de videoconferencia Poly Studio USB AutoTrack 4K capaz de facer un seguimento automático do profesor e captar a súa voz de xeito nítido e preciso en contornos acusticamente complicados grazas a unha liña de micrófonos e tecnoloxía de cancelación de ruído.
Esta solución é compatible coas plataformas de videoconferencia na nube máis populares, como Google Meet, Zoom, Microsoft Teams, Skype ou Cisco Webex, así como con toda unha serie de sistemas de formación en liña (Jamboard, Microsoft Whiteboard, Google Classroom, Moodle, ClassDojo, Edmodo, Kahoot, Liveworksheets...).
Itelsis non só ofrece os produtos mencionados e facilita a súa posta en marcha, senón que tamén achega servizos de consultoría, formación, soporte e mantemento.

PUBLICIDADE