JBL prepara uns auriculares sen fíos con carga solar
martes, 17 de decembro do 2019
Os auriculares sen fíos con diadema tenden a ter boas
autonomías, pero dende JBL pensaron que resultaría aínda máis práctico non ter
que preocuparse nunca da súa recarga, polo que están a preparar os auriculares Reflect Eternal, que pretenden
ser unha realidade no mes de outubro e que poden
encargarse a través da plataforma de micromecenado Indiegogo a un prezo
promocional que parte dos 89 euros (cando o seu prezo de venda ao público aseguran
que será de 148 euros).
Esta curiosa proposta consisten en integrar na diadema dos auriculares Exeger
Powerfoyle, un material que actúa a xeito de panel solar, de xeito que con
pasar aproximadamente un 66% do tempo de reprodución cos auriculares ao aire
libre poderiamos evitar ter que recargar os auriculares de xeito tradicional
(no caso de pasar menos tempo en exteriores simplemente distanciariamos moito
as veces que sería preciso recargar os auriculares, xa que unha carga completa
da súa batería de 700 mAh permitiría un uso dos auriculares durante até 24
horas seguidas).
Estes auriculares sen fíos, que conectándoos por USB conseguirían 2 horas de
autonomía en só 15 minutos (unha carga completa levaría 2 horas), son unha
aposta polas fontes de enerxía renovables, e contarán con opcións para a
realización de chamadas en mans libres, invocar ao asistente de voz do noso
smartphone, pasar dun dispositivo Bluetooth a outro sen esforzo e incluso
escoitar o que temos no noso contorno se non queremos un illamento acústico nun
momento determinado. Todo isto cunha calidade sonora propia de JBL.
Sorprende que unha marca como JBL non se animase a lanzar directamente uns
auriculares deste tipo ao mercado, e optase por unha plataforma de
micromecenado para dalos a coñecer, no que semella un xeito de comprobar a
demanda dunha tecnoloxía que podería rematar incorporándose a moitos outros
produtos no futuro.
Vídeo promocional dos auriculares JBL Reflect Eternal