Javier Taibo Gallego, novo director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia

mércores, 30 de xuño do 2021 Sandra Rivadulla

JPEG - 113.8 KB
Javier Taibo diante da sede de EGATEL nunha imaxe de La Región

Javier Taibo Gallego vén de ser nomeado pola Consellería de Economía como novo director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en substitución de Ricardo Capilla. Javier Taibo estudou Física na Universidade Autónoma de México, pero desde os seus inicios estivo traballando en telecomunicacións e formación tecnolóxica. Foi director xeral de Netec, director conselleiro da Unidade de Negocio, director de Enxeñaría de Sistemas e director de Formación e Consultoría de Intersys México S.A. Un dos seus grandes fitos profesionais foi o deseño e construción do primeiro backbone corporativo de Petróleos Mexicanos.
En España desempeñou o cargo de director corporativo de Mercados e Tecnoloxía en Soluziona e traballou en EGATEL dende 2005, conseguindo situar á empresa galega, con sede na Tecnópole, precisamente, no mercado internacional. Ademais, foi membro do comité de dirección do Clúster TIC Galicia, así como de AMETIC, de Gradiant e da asociación galega de empresas tecnolóxicas Ineo.
Desta forma, o novo director xerente de Tecnópole explica que "esta nova etapa representa para un reto que afronta cunha enorme ilusión”. Cómpre mencionar que a primeira tarefa que desenvolverá será un plan de negocio plurianual, que realizará tras manter encontros cos traballadores, coa Xunta de Galicia e demais socios da sociedade xestora, ademais das empresas do Parque.
En definitiva, Javier Taibo afirma que "vai vir un momento moi favorable, de crecemento para o país, derivado dos fondos europeos NextGeneration, que apoiará proxectos ecolóxicos e dixitais”.

PUBLICIDADE