Jelly, o smartphone 4G cunha pantalla de só 2,45 polgadas
mércores, 3 de maio do 2017
Nun momento no que os smartphones tenden ás 5,5 polgadas de
pantalla un
proxecto de micromecenado sorprende en Kickstarter por ir na dirección
contraria, xa que propón a fabricación do smartphone 4G máis pequeno do
mercado. O terminal, chamado Jelly, funcionaría con Android 7.0 pese ao seu tamaño
reducido, o que convenceu a numerosos mecenas de xeito que xa está garantido o
seu financiamento dende as primeiras horas de lanzamento da campaña de
captación de fondos.
O Jelly debería comezar a remitirse aos mecenas a partires do mes de agosto, e
tería un prezo de partida de 79 dólares (73 euros) para o modelo básico (con 1
GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno) e 95 dólares (87 euros) para o
modelo Pro (con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno), cantidades que
parecen o suficientemente axustadas como para que moitos usuarios se interesen
por un produto que sería transportable como un teléfono móbil básico, pero que
permitiría manter a comunicación a través de servizos como WhatsApp, de xeito
que atendería as demandas de numerosos usuarios que non pasan moito tempo
mirando para a pantalla do teléfono.
Este cativo smartphone tería unha pantalla táctil de 2,45 polgadas (cunha
resolución de 432 x 240 píxeles), funcionaría cun procesador de catro núcleos a
1,1 GHz, lector de tarxetas microSD de até 32 GB, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles,
GPS, dobre nano SIM e batería de 950 mAh (que promete até 3 días de uso e até 7
días en espera).
As dimensións deste teléfono serían de só 92,3 x 43 x 13,3 milímetros, o que
fai que incluso poida meterse en moitos dos petos pequenos do pantalón
vaqueiro, e grazas a que tamén conta con Bluetooth 4.0 pode resultar tamén
bastante cómodo para levalo nunha cinta pendurado do brazo mentres se fai
exercicio (para estar comunicado, pero tamén para empregalo como reprodutor
multimedia sen fíos).
Dado que a compañía detrás deste proxecto xa ten experiencia fabricando móbiles
non se espera que esta campaña veña acompañada de desagradables sorpresas, e en
poucos meses confíanse en que o Jelly sexa unha realidade, recuperando a senda
da redución de tamaño que tiñan os teléfonos móbiles antes da revolución dos
smartphones.
Vídeo no que podemos ver como será o smartphone Jelly