Jim Ryan deixará a dirección da división de xogos de Sony

mércores, 27 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O presidente e director xeral de Sony Interactive Entertainment, Jim Ryan, tras preto de 30 anos na compañía anuncia o seu retiro, nun comunicado no que quere deixar claro o seu amor á empresa e á comunidade que se formou ao seu redor, e xustifica a súa decisión na súa situación persoal, xa que estaba a resultarlle cada vez máis complicado conciliar a súa vida familiar en Reino Unido co seu traballo nos EE.UU.
Ryan manterá os seus cargos até marzo de 2024, para pasarlle o relevo o 1 de abril a Hiroki Totoki, quen ocupará os postos de xeito interino, mentres a compañía non designa un novo máximo responsable a longo prazo.
A división de lecer electrónico de Sony emerxeu en 1994, coa primeira PlayStation, e foi medrando da man de Jim Ryan (quen inicialmente ocupou cargos de responsabilidades na división europea da compañía) até a súa actual posición de liderado a nivel mundial, salientando Ryan a súa gratitude por poder conducir a compañía até o momento actual, no que a PlayStation 5 é unha boa mostra do que poden realizar tanto en hardware como en software.
Jim Ryan era o máximo responsable de Sony Interactive Entertainment dende xaneiro de 2018, e dende a compañía desfanse en boas palabras sobre el, evitando así rumores sobre a súa partida.
Moitas foron as súas contribucións durante os seus preto de 30 anos de carreira en Sony, pero probablemente pasará a historia por ser quen levaba o temón da empresa durante o lanzamento da PlayStation 5, consola que conseguiu un grande éxito pese aos moitos atrancos que topou no seu camiño (como unha crise de abastecemento de compoñentes e unha pandemia).

PUBLICIDADE