Jumper JK01-TT, un tablet chinés con Windows 7

luns, 3 de maio do 2010 Marcus Fernández

Pese a que para os dispositivos táctiles a meirande parte dos fabricantes estean a optar polo sistema operativo Android coma alternativa ao iPhone OS, o novo tablet Jumper JK01-TT chega ao mercado con Windows 7, completando o paquete cun teclado e un rato sen fíos, de xeito que pode utilizarse de xeito doado coma un tablet autónomo ou coma un ultraportátil.
Este equipo mide 290 x 150 x 20 milímetros, pesa 1,2 quilos, ten unha pantalla multi-táctil de 10,1 polgadas (aínda que tamén pode utilizarse cunha pantalla externa VGA/HDMI), procesador Intel Atom N450 a 667 MHz, Wi-Fi, 3G, 2 Gb de RAM, 250 Gb de disco duro, cámara de 2 Mpíxeles, 3 portos USB 3.0, lector de tarxetas de memoria, altofalantes e micrófono.
No que a características se refire estamos ante un dispositivo moi interesante, que ten un prezo de 534,75 euros, o que podería parecer excesivo ante as súas limitacións no que a potencia se refire, pero que igualmente serve como opción para quen desexe gozar das prestacións dun equipo completo en formato tablet.


Vídeo que amosa as posibilidades deste tablet con Windows 7

PUBLICIDADE