Kinect chegará a Europa en novembro

martes, 20 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A falta de confirmación por parte de Microsoft, parece ser que a data de lanzamento de Kinect, a cámara con micrófono e detección de movemento que revolucionará o sistema de xogo e a interface de uso da Xbox 360 podería saír en Europa o vindeiro 19 de novembro a un prezo de 159,99 149,99 euros, se atendemos a datos publicados pola tenda en liña Shopto, que xa acepta reservas e comprométese a entregar o periférico con antelación aos usuarios que o reserven.
Esta información axústase bastante ben ao que vénse a rumorear nas últimas semanas, e aínda que o prezo de Kinect pareza moi elevado, dende Microsoft insisten en que con esta solución non é preciso ningún mando adicional (nin cargadores de baterías), mentres que os seus competidores teñen certos custos ocultos, posto que para o uso da consola por parte de varios xogadores é preciso adquirir mandos adicionais a prezos bastante elevados (no caso da Wii achegaríase aos 80 euros e co PlayStation Move estaría preto dos 70 euros).
ACTUALIZACIÓN: Microsoft vén de confirmar que o prezo de Kinect será de 149 euros (incluíndo o xogo Kinect Adventures), e sairá en novembro (sen concretar exactamente o día). Tamén anunciaron que en agosto chegará ao mercado español unha nova Xbox 360 cunha unidade de disco de 4 Gbytes por 199,99 euros.

PUBLICIDADE