LG Class, un novo smartphone de gama media con acabado premium

luns, 21 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O fabricante surcoreano LG continúa a ampliar a súa gama de terminais móbiles para atender á diversidade da demanda actual, e comezando polo seu territorio nacional vai pór á venda estes días a un prezo de 399.300 wons (303 euros) o LG Class, un smartphone de coidado deseño e prestacións de gama media que podería resultar moi atractivo para os usuarios que non sexan especialmente esixentes nas especificacións técnicas dos dispositivos electrónicos pero si busque un acabado metálico (en cor dourado, prata ou azul escuro) que dea a sensación de calidade e un deseño delgado (7,4 milímetros).
Este smartphone 4G funciona cun modesto procesador Qualcomm Snapdragon 410 de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (acompañado por 2 TB de almacenamento na nube), cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, NFC e batería de 2.050 mAh. A súa pantalla é relativamente contida en tamaño (5 polgadas) e resolución (720p), o que permite que o seu peso tamén quede nuns moderados 147 gramos.
Queda agora por ver se veremos pronto este terminal móbil en España (aínda que é de prever que chegue nunha versión lixeiramente diferente, con soporte da banda 4G dos 800 MHz, ausente do modelo coreano).

O LG Class chega a Corea con carcasas de tres cores diferentes

PUBLICIDADE