LG anuncia a segunda xeración dos móbiles Optimus L

luns, 11 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Tras vender máis de 10 millóns de terminais da familia Optimus L, dende LG anuncian unha nova xeración destes smartphones con Android, que amosarán no Mobile World Congress, e coa que buscan conservar a elegancia dos anteriores dispositivos pero engadíndolles detalles que os doten de máis personalidade. Aparte da estética, os LG Optimus L SeriesII tamén incluirán software de LG como QuickMemo (para tomar anotacións escritas), Quick Button (para establecer atallos para unha apertura rápida das aplicacións que desexemos) e Safety Care (que permite personalizar avisos a outras persoa no caso de emerxencia), pantallas IPS de lata resolución e unha maior autonomía das súas baterías. Tamén estarán dispoñibles en versión con dobre SIM.

Os novos móbiles chegarán con pantallas de 3,2, 4 e 4,3 polgadas

O Optimus L7II chegará cun procesador Qualcomm MSM8225 de dobre núcleo a 1 GHz, 768 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSD, pantalla IPS de 4,3 polgadas con resolución WVGA, cámaras de 8 e 0,3 Mpíxeles, Android 4.1 e unha batería de 2.460 mAH. Pola contra, o Optimus L5II confórmase cunha pantalla WVGA de 4 polgadas e batería de 1.700 mAh, mentres que o Optimus L3II terá pantalla QVGA de 3,2 polgadas e batería de 1.540 mAh.

PUBLICIDADE