LG combina ultra alta definición e HDR nos seus novos televisores OLED

mércores, 26 de agosto do 2015 Marcus Fernández

LG continúa a avanzar detalles do que deixará ver a semana que vén na feira IFA de Berlín, e entre as súas grandes apostas está levar un paso máis adiante a evolución dos televisores, introducindo as últimas tecnoloxías nunha mesma pantalla, de xeito que amosará televisores de 65 e 55 polgadas de ultra lata definición, HDR e OLED, e incluso cun modelo curvo. Temos así que moitas das tecnoloxías consideradas a imporse nos vindeiros anos poderían casar nos últimos televisores, de xeito que podemos entender que a súa principal barreira para a súa popularización sería a baixada de prezo e non atrancos técnicos.
LG leva tempo apostando polas pantallas OLED, como un xeito de ofrecer imaxes cun negro perfecto e unha boa reprodución da cor, converténdose nunha tecnoloxía ideal para visualizar contidos en HDR (sistema de representación do vídeo que para moitos resulta máis impresionante que o salto de Full HD a 4K, de aí que estea a coidarse bastante nos últimos meses). Os novos televisores de LG serían compatibles con HDR tanto a través de streaming como de fontes externas (aínda que polo momento este tipo de vídeo ten moi pouco presenza comercial).
Os televisores LG EF950 serían as primeiras pantallas planas OLED con resolución 4K, mentres que os 55EG9200 e 55EG9100 sorprenderían por presentar un grosor de só 4,8 milímetros, ou sexa, que a pantalla sería máis delgada que calquera dos smartphones que podemos atopar á venda, polo que estamos ante produtos tan innovadores como atractivos visualmente. Amais, tamén apostarían por webOS 2.0 como sistema operativo, ofrecendo unha das mellores experiencias de Smart TV que podemos atopar actualmente; e para que a calidade de imaxe non quedase descompensada, os televisores tamén incluirían altofalantes Harman/Kardon.
Estes novos televisores iniciarán a súa comercialización estes días en Alemaña, Corea do Sur, EE.UU. e Reino Unido, espallándose progresivamente polo resto de mercados internacionais durante os vindeiros meses.

PUBLICIDADE